Monday 13 de May de 2024

Turismo de Galicia mantén abertas dúas ordes de axuda de apoio ao sector para melloras en infraestruturas e cooperación entre operadores turísticos


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras dun novo establecemento hostaleiro na Costa da Morte e recordou que a Xunta inviste 700.000 euros no camiño Fisterra-Muxía

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou as obras de construción do establecemento hostaleiro Bela Fisterra, que incrementará en 16 habitacións a oferta turística da Costa da Morte a partir da vindeira primavera.

Ovidio Rodeiro recordou que Turismo de Galicia ten aberto ata o 23 deste mes de febreiro o prazo para que entidades privadas soliciten axudas para actuacións de mellora das infraestruturas dos aloxamentos turísticos. Esta liña de axudas conta cun orzamento xeral de 500.000 euros.

As actuacións deberán estar orientadas a incrementar a accesibilidade, mellorar as instalacións para obter a Q de Calidade Turística, incrementar a categoría do establecemento, medidas de aforro enerxético, modernización xeral das instalacións ou renovación dos equipamentos mobles.

Tamén está en prazo a liña de axudas para fomentar a cooperación entre pequenos operadores turísticos para colaborar na organización de traballos conxuntos e compartir recursos do cara ao desenvolvemento e á promoción do turismo de carácter innovador. O prazo para solicitar esta subvención está aberto ata o 28 de febreiro e o orzamento é de 666.667 euros.

Ademais desta subvencións, o delegado territorial tamén recordou que Turismo de Galicia está a executar o proxecto de mellora, acondicionamento e sinalización do Camiño Fisterra-Muxía que se están a levar a cabo en diferentes tramos, e nas que a Xunta de Galicia inviste preto de 760.000 euros.

O delegado territorial destacou que “a Costa da Morte ten todos os requisitos para lograr incrementar o peso do sector turístico na súa economía e na súa sociedade, polo que mediante investimentos e subvencións como estas a Xunta de Galicia traballa para facer desta comarca un destino turístico competitivo, sustentable e diferenciado a nivel global”.